Liderado por
xosera

Home del Distrito
[ Clic aquí para ver más sobre Política ]
Política Galega
  Reforma Estatuto de Galicia  << Volver a los Contenidos
Proposta do BNG para un Estatuto de Nación en Galiza.
    
  Texto da proposta do BNG para un Estatuto de Nación en Galiza.

¡Opina no Foro!

 

    O Bloque Nacionalista Galego  asume o documento de bases presentado polo Foro do Novo Estatuto como o “ponto de partida e de encontro, imprescindíbel no diálogo coa sociedade” ao que se compromete o BNG para dotar a Galiza doutro marco estatutario que maximice o seu autogoberno. Esta proposta de Estatuto parte de que “constitúe a norma fundamental e primaria da nación galega”, e tamén a “base para a relación co Estado español, coa Unión Europea e coas restantes nacións e pobos do mundo”.    

PREÁMBULO

AFIRMANDO a nosa existencia como pobo, explicitada nun feito histórico, cultural e político de ampla raigame e singularidade,
AFIRMANDO o dereito ao noso autogoberno e a determinar o sistema institucional e o marco relacional no que queremos desenvolver a vida política e acadar a plena realización da nosa condición nacional,
AFIRMANDO o noso compromiso esencial e irrenunciábel coa democracia e co dereito de todas as persoas e pobos a vivir en liberdade,
O POBO GALEGO E TODOS E CADA UN DOS CIDADÁNS E CIDADÁS QUE
O INTEGRAMOS dámonos e aceptamos o presente Estatuto, que constitúe a norma fundamental e primaria da nación galega, e base para a relación co Estado español, coa Unión Europea e coas restantes nacións e pobos do mundo.
CONVENCIDOS de que o dereito ao autogoberno é de natureza fundamental, que non pode ser outorgado nin limitado, os galegos e galegas declaramos a nosa libre e lexítima vontade de integrármonos na estructura plurinacional do Estado español, aceptando un acordo constitucional de interpretación dinámica, evolutiva e aberta que debe conducirnos á construcción dun Estado que avogue por unha Europa dos pobos, na que queremos ser recoñecidos en total igualdade con todos os demais países e cidadáns da
Unión Europea.
DECIDIDOS a progresar no camiño desa unidade, e coa convicción de que esa unión soamente pode ser froito da libre vontade dos pobos, os galegos e galegas precisamos
de proclamar conxuntamente a nosa identidade política, cultural e lingüística, o dereito a decidir sobre nós mesmos, e a nosa inequívoca vontade de colaborar na instauración dunha comunidade internacional que asuma a vivencia plena da democracia global, legalizada e institucionalizada, de acordo cos principios inspiradores da política exterior española e europea da que democraticamente queremos ser partícipes.
Neste contexto, no que nos sentimos atinxidos de cheo polos dereitos e garantías establecidos no Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos e no Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais, A VONTADE ESTATUÍNTE DOS GALEGOS E GALEGAS DECLÁRASE INDECLINABELMENTE VENCELLADA A TODOS OS AVANCES QUE SE PRODUZAN NA AFIRMACIÓN DOS DEREITOS HUMANOS, SOCIAIS E POLÍTICOS, non recoñecendo as posíbeis limitacións que poideran derivarse dunha interpretación ríxida ou dunha resistencia política á reforma e constante mellora dos marcos constitucionais máis próximos.

Dentro destes principios, o Estatuto de Galiza quere garantir a liberdade, a xustiza, o benestar e a seguridade de toda a cidadanía galega e de cantas persoas vivan ou se encontren no seu territorio.
Aspira asemade a asegurar a solidaria cohesión territorial e social do país galego e a consolidar un Estado de Dereito avanzado, unha convivencia plenamente democrática, unha xestión política e administrativa participativa, eficaz, eficiente e descentralizada, así como unha orde social e económica equitativa e xusta á que han orientarse as políticas dos poderes galegos.
Xa que logo, en uso da súa soberanía de decisión, o pobo galego ratifica o seguinte

Estatuto de Galiza.

Sumario
BASE I. Preliminar.
BASE II. O autogoberno galego.
BASE III. A cidadanía galega.
BASE IV. Dereitos e liberdades da cidadanía galega.
BASE V. Cohesión social.
BASE VI. O Poder galego.
BASE VII. As institucións da Comunidade Autónoma.
BASE VIII. A organización territorial de Galiza.
BASE IX. Ordenación do territorio.
BASE X. Galiza e a Unión Europea.
BASE XI. Galiza e a acción exterior.
BASE XII. As competencias.
BASE XIII. A actividade económica e o desenvolvemento sustentábel.
BASE XIV. O financiamento público do Poder galego. O sistema fiscal e da Facenda galega.
BASE XV. O dereito universal á prestación sanitaria e a sanidade galega.
BASE XVI. O ensino, a investigación e a sociedade da comunicación.
BASE XVII. A lingua, a identidade galega, a promoción da cultura, a industria cultural, os Medios de comunicación audiovisual públicos e o espazo audiovisual galego.


BASE I. Preliminar

1. O Pobo galego, depositario dun amplo patrimonio histórico, social e político, está dotado de identidade propia dentro do conxunto dos pobos de Europa.
2. De conformidade co dereito de autodeterminación recoñecido internacionalmente –entre outros no Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos e no Pacto Internacional de Dereitos Económicos, Sociais e Culturais– o Pobo galego ten dereito a definir o seu marco relacional co Estado español e coa Unión Europea.
3. Galiza, na súa condición de nación, intégrase libre e paccionadamente como Comunidade Autónoma na estrutura política plurinacional do Estado español.

BASE II. O autogoberno galego

1. O Estatuto de Galiza é a expresión da vontade democrática do Pobo galego e do seu dereito ao autogoberno e ten como obxectivos regular a convivencia dos galegos e galegas e garantir os seus dereitos individuais, sociais e nacionais no marco do Estado español e da Unión Europea, así como definir as relacións con outros pobos de España, de Europa e do mundo.
2. A Comunidade Autónoma, a través de institucións democráticas, asume como tarefa principal a defensa e fortalecemento da identidade de Galiza e dos seus dereitos e intereses, así como a promoción da solidariedade entre todos cantos integran o pobo galego, ao abeiro da idea de galeguidade, entendida como o dereito a colaboraren e compartiren a vida social, cultural, económica e política da nación.
3. Os poderes de Galiza emanan do Pobo galego.
4. O territorio de Galiza é o abranguido nos límites da actual Comunidade Autónoma, sen prexuízo da incorporación voluntaria de territorios limítrofes de características históricas, económicas, culturais ou xeográficas análogas, de acordo co disposto no presente Estatuto e nas leis.
En todo caso, a Comunidade Autónoma impulsará a celebración de convenios e acordos de cooperación coas Comunidades de Castela e León e de Asturias, así como co Norte de Portugal, en materia de infraestruturas, comercio, medios de comunicación, cultura, lingua e cantas outras materias se entendan convenientes para manter e reforzar cos territorios limítrofes con Galiza a relación tradicional de fraternidade e de vivencia común de valores e intereses.
5. O galego é a lingua nacional, oficial e propia de Galiza. Todos os cidadáns e cidadás galegas teñen a obriga de coñecelo e o dereito a usalo.
O galego é a lingua oficial das Administracións e poderes públicos e o seu coñecemento será requirimento obrigado para o exercicio en Galiza da representación política e das funcións administrativas, notariais, rexistrais e xudiciais.
Os poderes públicos de Galiza garantirán os dereitos lingüísticos dos galegos e galegas, recollidos na Carta dos Dereitos Lingüísticos da Cidadanía Galega, potenciarán o emprego da lingua galega en todos os eidos da vida pública, cultural e informativa, e disporán os medios necesarios para facilitar o seu coñecemento.
O castelán, como lingua oficial do Estado, terá en Galiza carácter de lingua co-oficial, sendo o seu uso e ensino garantidos polos poderes públicos galegos, segundo o estabelecido no marco constitucional.
O Goberno de Galiza garantirá o uso do galego en todos os niveis educativos.
A competencia sobre a fixación da variedade estándar da lingua galega correspóndelle á Real Academia da Lingua Galega.
O Goberno galego defenderá e fomentará o emprego da nosa lingua nas zonas galegofalantes do exterior da Comunidade Autónoma.
Os topónimos terán como única forma oficial a galega. Correspóndelle ao Goberno galego a determinación dos nomes de lugar de Galiza.
Como lingua de Galiza, o galego será de uso oficial no Senado, en canto Cámara de representación territorial, así como, no seu caso, no Congreso dos Deputados, recoñecerase ademais o seu emprego polos representantes galegos nas institucións da Unión Europea como lingua oficial da mesma.
6. Galiza ten bandeira, himno e escudo de seu.

BASE III. A cidadanía galega

1. Teñen a condición de cidadáns galegos as persoas con veciñanza administrativa en Galiza. Dentro do territorio da Comunidade Autónoma, toda a cidadanía galega asome os dereitos e deberes que recoñecen o Estatuto de Galiza, a Constitución, os Tratados da Unión Europea e os Acordos e Pactos internacionais da ONU e do Consello de Europa, sen ningún tipo de discriminación nin posibilidade de suspensión temporal, sen prexuízo das limitacións de exercicio que poidan derivarse do cumprimento de resolucións xudiciais.
2. A adquisición da cidadanía galega, así como a súa acreditación, será regulada por unha Lei de desenvolvemento estatutario básico, cumprindo os requirimentos esixidos polas leis do Estado para a nacionalidade española, de tal xeito que a cidadanía galega surtirá os mesmos efectos que aquela e será compatíbel con ela.
3. A cidadanía galega é renunciábel, mais en ningún caso poderá privárselle dela, sen o seu consentimento, a quen a adquirise por calquera dos procedementos legais establecidos.
4. Ninguén poderá ser discriminado por razón da súa cidadanía. Todas as persoas residentes fóra de Galiza que dispuxesen da súa última veciñanza no seu territorio poderán manter a súa nacionalidade galega, que tamén poderá transmitírselles, se así o solicitasen, aos seus descendentes directos. Neste caso, gozarán de todos os dereitos recoñecidos aos cidadáns e cidadás galegas.
5. Os poderes públicos galegos fomentarán o vencellamento social, económico e cultural cos membros das colectividades e centros galegos asentados no exterior. Por lei do Parlamento de Galiza regularanse as relacións con estas entidades, así como a prestación dos dereitos que en cada caso lles correspondan.
6. Co fin de proporcionar a asistencia necesaria aos membros das colectividades do exterior, as institucións galegas poderán asinar convenios de colaboración e acordos de cooperación con entidades públicas e privadas dos países ou comunidades en que se localicen.
7. Os cidadáns e cidadás galegas deben ter garantida a posibilidade de “vivir en galego” a quen así o desexe, sabendo que contan co abeiro efectivo da lei e das institucións. Para estes efectos promulgarase unha Carta dos Dereitos Lingüísticos da Cidadanía Galega que deberá, cando menos, asegurar: o dereito cidadán a recibir educación en lingua galega como vehicular no ensino non universitario; o dereito a expresarse e ser atendidos sempre, tanto oralmente como por escrito, en galego, eliminando calquera atranco no exercicio deste dereito; e o dereito a recibir información pública en galego.
8. Os dereitos da cidadanía galega serán tutelados polos tribunais de xustiza, sen prexuízo de que estean recollidos nunha lei de Galiza ou sexan interpretados por extensión da Constitución Española, dos Tratados europeos e dos Tratados e Declaracións internacionais.
9. No caso de que o exercicio dos dereitos da cidadanía galega se vise vulnerado por causa dun funcionamento incorrecto das Administracións públicas, os cidadáns galegos poderán acudir ao Valedor do Pobo, que velará polos seus dereitos no marco das leis que regulan a súa actuación e competencias.

BASE IV. Dereitos e liberdades dos cidadáns galegos

Sen prexuízo do establecido na Constitución e na Carta de Dereitos Fundamentais da UE, todos os poderes públicos e institucións de Galiza adaptarán a súa normativa e actuarán con escrupuloso respecto dos seguintes dereitos e principios inspiradores:
a) O dereito á vida, á integridade física e moral, á saúde, á unha atención sanitaria universal pública e de calidade, e a unha morte digna.
b) A liberdade persoal, de conciencia, de relixión, de opinión, de expresión e de cátedra.
c) A dignidade humana, o respecto á honra, reputación e intimidade persoal e familiar, así como á protección dos datos persoais.
d) A seguridade, a solidariedade e a tolerancia.
e) A igualdade xurídica, sexa cal sexa a orixe, raza, xénero, crenzas, orientación sexual ou estado civil.
f) Dereito a unha educación pública de calidade, inspirada nos principios do respecto á diversidade e da convivencia multirracial, da pluralidade política e relixiosa e nos valores propios da tradición cultural de Galiza e da historia común europea, orientada á formación humanística e técnica e á difusión e fortalecemento dos comportamentos democráticos; e, en consecuencia, ás axudas públicas precisas para a formación laboral e intelectual.
g) Dereito ao traballo e ao acceso a un posto de traballo estábel, ou a un emprego público, sen discriminacións por razóns de xénero, ideoloxía, crenzas, orientación sexual ou calquera outra significación persoal.
h) Mantemento dos niveis básicos de benestar medidos segundo os parámetros da renda básica, vivenda, educación e sanidade, dereito que se estenderá equitativamente a todos os grupos de idade e a todos os ámbitos territoriais da Comunidade Autónoma.
i) Dereito a unha xubilación suficiente e a unha renda básica de desemprego.
k) Dereito á creación cultural e científica e ao acceso á cultura.
l) Dereito ás axudas necesarias para a adquisición ou alugueiro dunha vivenda digna.
m) Dereito a unha información veraz e contrastada, á utilización activa e pasiva de todo tipo de sistemas de comunicación que faga posíbel o desenvolvemento tecnolóxico e o acceso á sociedade da información, sen censura ou limitacións territoriais ou doutra caste e con absoluto respecto á privacidade. Como corolario do anterior, garantirase a transparencia da actuación das instancias públicas, así como o dereito a unha información plural e a unha programación dos medios de comunicación públicos diversa e de calidade, e de xeito que os poderes galegos se absteñan de calquera actividade de intervención, subvención, premio ou axudas directas ou indirectas ás empresas de comunicación.
n) Dereito a participar nos asuntos públicos defendendo o interese xeral, e a ser escoitado polas Administracións públicas nos temas que o afecten, tanto na elaboración de normas de carácter xeral como na adopción de resolucións singulares. Como consecuencia do anterior, reforzaranse as canles de democracia representativa e directa (consultas e referendos, tamén na orde local), así como dos dereitos individuais de exercicio colectivo (reunión, asociación, folga, manifestación). Deberá propiciarse unha lei de iniciativa lexislativa popular de doado exercicio e eficacia real. Deberase estudar tamén a posibilidade de prever estatutariamente outros instrumentos que lle engadan á vida pública doses importantes de lexitimidade democrática, como a revogación de cargos públicos electos ou o referendo abrogatorio de leis.
ñ) Os procesos electorais galegos –municipais, supramunicipais e autonómicos– serán, dentro das bases xerais establecidas polo Estado, competencia exclusiva do Parlamento de Galiza que determinará, en cada caso, a circunscrición electoral procedente.
o) O territorio da Comunidade Autónoma será circunscrición única para todos os procesos electorais estatais e europeos.
p) Ningún galego nin galega poderá ser excluído de participar nos procesos electorais que se celebren en Galiza. Os que estivesen privados de liberdade por decisión xudicial preventiva ou sentenza firme poderán exercer o seu dereito a voto desde os estabelecementos penitenciarios en Galiza, españois ou estranxeiros.
q) Dereito á propiedade material, artística e intelectual. Dereito a testar e a recibir unha indemnización xusta no caso de expropiación forzosa ou de responsabilidade patrimonial dos poderes públicos.
r) Dereito a unha boa administración, o que leva aparellado, entre outros, o dereito á ética nos comportamentos públicos, a unha xestión administrativa neutral e eficaz e a obter resposta sen dilacións indebidas ás pretensións que se susciten, así como á resolución dos recursos administrativos e dos litixios xudiciais en tempo razoábel e á percepción en prazo tamén prudente das indemnizacións que, por xustoprezo ou responsabilidade, lles correspondan aos cidadáns.
s) Dereito a fundar unha familia, sexa cal for a modalidade escollida, e a gozar das vantaxes establecidas para as mesmas polos poderes públicos.
t) Dereito a un desenvolvemento urbanístico sustentábel e aquelado a cada tipo de asentamento: cidades, vilas e núcleos rurais.
u) Dereito a un ambiente saudábel e á protección da paisaxe no marco dun desenvolvemento sustentábel.
v) Dereito ao patrimonio artístico, histórico, arqueolóxico, cultural e científico de Galiza e á súa conservación. Todo ben que reciba protección ou recursos públicos estará aberto á contemplación e uso dos cidadáns e cidadás galegos, dentro das leis e de acordo coa natureza de cada ben.

BASE V. Cohesión social 1.

Os poderes públicos de Galiza impulsarán, en colaboración cos axentes sociais e comunitarios, o artellamento institucional dun espazo social baseado nos principios da solidariedade, a igualdade, a equidade, a cohesión social e o progreso económico e cultural.
2. Constitúe un obxectivo primordial dos poderes públicos o fortalecemento democrático para institucionalizar un réxime avanzado de liberdades e dereitos políticos, económicos e sociais postos ao servizo da igualdade, a solidariedade, a equidade, a cohesión social e o progreso material e cultural de todos cantos integran o pobo galego, xa residan no seu territorio ou fóra del.
3. Os poderes públicos de Galiza asomen, como un dos principios reitores da súa política social e económica, o dereito dos galegos e galegas a viviren e traballaren na súa propia terra.
4. Consonte co anterior, correspóndelles aos poderes públicos galegos garantir as
condicións e promover as políticas necesarias para facer reais e efectivos estes principios, que implican asemade a solidariedade interxeracional e a extensión dos beneficios dos servizos públicos e da protección social a todas as persoas que residan en Galiza, con independencia da súa orixe e nacionalidade.
5. As institucións do autogoberno asumen como compromisos específicos para favorecer a creación do devandito espazo social e de cidadanía:
a) Unha acción transversal en todos os contidos competenciais autonómicos (especialmente en educación, emprego e formación, sanidade, seguridade social e lexislación electoral) para facer efectiva a igualdade de dereitos para as mulleres e a non discriminación por razón de xénero. A Administración da Comunidade Autónoma dotarase do ente ou organismo preciso para a mellor e máis eficaz coordinación e desenvolvemento destas políticas horizontais.
b) Aprobación dunha Lei integral de igualdade entre homes e mulleres, con participación, ademais dos cargos electos, dos movementos feministas e de mulleres, analistas e estudosas da condición feminina. Nela fixaranse as medidas precisas para asegurar esta igualdade na participación e na distribución da riqueza, na seguridade fronte á intimidación e á violencia, na incorporación do saber feminino á sociedade, na defensa da liberdade sexual das mulleres, no amparo de calquera opción desta natureza, e na adopción de medidas educativas, informativas e de publicidade que garantan a defensa e igualdade dos valores femininos e a incorporación dos homes ao exercicio dos deberes e obrigas no ámbito da estrutura familiar, afectiva e a paternidade responsábel.
c) Modificación da Lei electoral para a rápida transposición da directriz europea a respecto da incorporación en paridade das mulleres en todas as instancias electas e na toma de decisións.
d) Creación dun Observatorio de Xénero para avaliar o cumprimento da legislación igualitaria e elaborar recomendacións de actuación cara á súa execución, así como a eliminación da práctica de normalidade e invisibilidade da discriminación; isto é, do comunmente chamado “pano de silencio”.
e) Creación dunha Comisión de Estudo e Traballo que elabore directrices e medidas para a recuperación da demografía galega, desde unha perspectiva de respecto e compatibilidade dos dereitos das mulleres coa súa vivencia social e coa súa opción reprodutiva.
f) Garantir o acceso a servizos públicos educativos, sanitarios e de benestar social personalizados, con calidade de atención e capacidade de resposta ás necesidades sociais das personas maiores, da infancia, das persoas con discapacidades e dos grupos en situación de risco e vulnerabilidade social, e impulsar o desenvolvemento daqueloutras accións que permitan o acceso a un traballo digno e estábel, á vivenda, á cultura e á convivencia cidadá.
g) Deseñar e promover, en coordinación con outras administracións territoriais e institucións e cos axentes sociais e comunitarios, políticas integrais para asegurar a igualdade de oportunidades e a integración social.
h) Achegar o financiamento necesario dos servizos públicos de benestar social para posibilitar a universalización das súas prestacións, asegurar o equilibrio territorial nas súas dotacións materiais e de persoal, e permitir constituír unidades de intervención interdisciplinar que proporcionen, de modo descentralizado, prestacións de calidade, accesíbeis aos cidadáns.
i) Desenvolver servizos públicos de benestar social e solidariedade comunitaria para protexer eficazmente os grupos sociais máis vulnerábeis ou en situación de risco de marxinación social, co desenvolvemento de políticas activas de loita contra a pobreza e medidas aseguradoras dunha renda mínima de inserción como dereito subxectivo de todos os cidadáns galegos que, atendendo ás súas circunstancias persoais, o precisen.
k) Favorecer a xeración de emprego e impulsar políticas de reinserción, capacitación e intermediación laboral e a formación permanente dos traballadores.
l) Promover a incorporación dos cidadáns á sociedade do coñecemento e ás tecnoloxías da información e da comunicación como medio para lograr a inclusión dixital.
m) Impulsar o artellamento comunitario e a participación dos axentes sociais, dos colectivos beneficiarios dos programas sociais e dos cidadáns en xeral na formulación, execución e avaliación das políticas sociais para garantir un maior impacto e sustentabilidade das súas accións.
n) Promover o retorno dos emigrantes galegos e a súa reinserción laboral, cultural e social.
ñ) Fomentar o asociacionismo e as accións de traballo social comunitario e voluntariado e a súa regulación lexislativa.
6. As institucións do autogoberno galego asomen ademais o compromiso de favorecer unha xusta distribución da riqueza e da súa xeración en toda a Comunidade Autónoma que, sen minguar os activos das economías de escala, evite o desartellamento global do país, procurando un urdido socioterritorial tendencialmente homoxéneo e mais un equilibrio de equidade e unha calidade parella na prestación dos servizos públicos en todo o seu territorio.
7. Os poderes públicos de Galiza comprométense así mesmo no desenvolvemento de actuacións e programas propios e de apoio ás accións dos axentes sociais no ámbito da cooperación para o desenvolvemento e a solidariedade internacional, a loita contra a pobreza e a extensión real dos Dereitos Humanos.

BASE VI. O Poder galego

1. Os poderes de Galiza, que emanan do Pobo galego, exércense a través do Parlamento, da
Xunta e do seu Presidente, e do Poder Xudicial, que lle corresponde aos xuíces e maxistrados independentes e inamobíbeis. A organización xudicial galega rematará en todas as súas instancias e graos no Tribunal Superior de Xustiza, sendo o Consello Judicial de Galiza o seu órgano de goberno.
2. O Parlamento representa ao Pobo galego, é inviolábel, e non pode atentarse en forma ningunha contra a súa seguridade ou liberdade.
3. O Parlamento estará constituído por deputados elixidos por sufraxio universal, igual, libre, directo e secreto. A circunscrición electoral será para estes efectos a que por lei estableza o Parlamento de Galiza.
Os deputados non estarán suxeitos a mandato imperativo.
4. A Lei electoral procurará unha representación equilibrada e xusta de todo o territorio da Comunidade Autónoma baixo os criterios dunha representación mínima inicial a cada circunscrición, atribuíndo os demais escanos parlamentarios en proporción á súa poboación.
5. Correspóndelle ao Parlamento o exercicio da potestade lexislativa da Comunidade
Autónoma, así como controlar a adaptación aos seus ditados da lexislación delegada e mais a validación, de ser o caso, dos Decretos lexislativos e dos Decretos-Leis que, en situación de necesidade extraordinaria e urxente, emita o Goberno galego.
6. Son leis de desenvolvemento estatutario básico, competencia indelegábel do Pleno do
Parlamento, as que regulen os dereitos e deberes das persoas, as que regulen as
competencias de Galiza nos sectores da actividade pública que a Constitución recolle como de competencia exclusiva do Estado e mais aquelas que regulen institucións básicas do Poder galego e da vida colectiva de Galiza e que se definan de tal xeito no Estatuto.
Aprobaranse polo Parlamento de Galiza por maioría absoluta dos seus membros de dereito.
7. O control da constitucionalidade das leis de Galiza corresponderalle exclusivamente ao Tribunal Constitucional.
8. A
Xunta de Galiza é o órgano colexiado de goberno e, como tal, dirixe a política e a
Administración da Comunidade Autónoma. A
Xunta de Galiza exerce a función ejecutiva e a potestade regulamentaria.
9. As súas atribucións serán desempeñadas polo Consello da
Xunta.
10. Baixo a dirección da
Xunta, a Administración autonómica constitúese como a
Administración ordinaria para todos os asuntos de interese da Comunidade Autónoma, e
asome nela a maior parte das competencias de natureza executiva. Actuará con respecto aos seguintes principios: coordinación das entidades locais que configuren a organización territorial propia de Galiza estabelecida por este Estatuto e por lei do Parlamento galego; descentralización, participación, solidariedade e cohesión territorial e social; boa fe e confianza lexítima, obxectividade; boa administración, eficacia e submisión plena á lei e ao dereito.
11. Correspóndelle tamén á
Xunta de Galiza:
a) Deliberar sobre a cuestión de confianza que o Presidente se propoña formular ao
Parlamento, así como sobre a disolución do mesmo que o Presidente poida decretar.
b) Ditar decretos lexislativos nos casos de delegación expresa do Parlamento, con
determinación específica da operación xurídica refundidora ou articuladora que se autorice, así como do seu alcance. Os Decretos lexislativos serán sometidos necesariamente á ratificación do Parlamento de Galiza, sen prexuízo de que a propia lei delegante poida estabelecer outros medios de control. Non poderán ser obxecto de delegación lexislativa as materias reservadas ás leis de desenvolvemento básico estatutario.
c) Ditar, en caso de extraordinaria e urxente necesidade, disposicións lexislativas
provisionais, que recibirán o nome de Decretos-Leis, que non poderán regular as
institucións básicas da Comunidade Autónoma, os dereitos e liberdades dos cidadáns nin o réxime electoral interior nin tampouco rexer materias reservadas ás leis de
desenvolvemento básico estatutario. Deberán ser sometidos inmediatamente a debate e
votación do Parlamento de Galiza, que se pronunciará sobre a súa validación ou
derrogación total ou parcial.
d) Interpoñer recursos de inconstitucionalidade e presentarse ante o Tribunal Constitucional en defensa da Autonomía galega, segundo o disposto pola lexislación xeral.
12. O Presidente dirixe e coordina a acción da
Xunta e ostenta a representación da
Comunidade Autónoma en todos os ámbitos e relacións.
13. O Presidente é elixido polo Parlamento de Galiza e ante el responde politicamente.
14. O Presidente non poderá exercer ningunha función pública que non se derive do seu
cargo, nin actividade mercantil ou profesional ou calquera outra que puidese menoscabar a independencia e dignidade da súa función.
15. Correspóndelle ao Presidente subscribir convenios e acordos de cooperación con outras Comunidades Autónomas, convocar eleccións ao Parlamento de Galiza tras a súa
disolución, promulgar as leis de Galiza e, de ser o caso, os Decretos lexislativos e Decretosleis e ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galiza.
16. Baixo a súa exclusiva responsabilidade, logo da deliberación do Consello da
Xunta e sempre que transcorrese, cando menos, un ano desde a última disolución, o Presidente
poderá disolver o Parlamento mediante Decreto que fixará a data das eleccións.
17. Crear, modificar ou suprimir mediante Decreto as Consellarías da
Xunta, mentres que non supoña aumento do gasto público, así como nomear e dispor o cesamento dos
conselleiros.
18. O Poder xudicial conta en Galiza con órganos propios, tanto de goberno como
xurisdicionais.
19. O Consello Xudicial de Galiza é o órgano de goberno do Poder Xudicial na
Comunidade Autónoma.
20. O Consello Xudicial de Galiza estará integrado polo Presidente do Tribunal Superior de Xustiza e un máximo de 15 membros, elixidos: un 50 por cento polo Parlamento de Galiza, por maioría de tres quintas partes dos seus membros; un 25 por cento por elección directa dos xuíces e maxistrados, por medio dun sistema proporcional garante do pluralismo; un 20 por cento por elección dos Consellos Galegos da Avogacía e de Procuradores; un 5 por cento por elección directa dos Secretarios e Xerentes de Oficina Xudicial e demais funcionarios da Xustiza en Galiza.
21. O Consello Xudicial de Galiza exerce, á parte das súas competencias gobernativas,
funcións disciplinarias e é o único competente para fixar a planta xudicial, a súa
demarcación territorial e as súas sedes, consonte á organización territorial de Galiza.
22. O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza é o órgano xurisdicional superior na
Comunidade Autónoma en todas as ordes, agás o disposto en materia de garantías
constitucionais.
23. A Escola Xudicial Galega é, baixo a dependencia do Consello Xudicial de Galiza, a
institución docente fornecedora da preparación práctica necesaria para todos os alumnos
admitidos nas fases de concurso ou oposición aos corpos xurisdicionais na Comunidade
Autónoma. No seu Padroado Reitor integraranse representantes do Consello Xudicial de
Galiza, dos Consellos Galegos da Avogacía e dos Procuradores, así como representantes
electos dos xuíces e maxistrados exercentes no país.
24. O TSXG será o tribunal onde rematen toda caste de procesos, xa se aplique neles tan só Dereito público ou civil galego ou tamén, conxuntamente, Dereito estatal ou mesmo
Dereito estatal de xeito exclusivo.
25. A competencia do Tribunal Supremo no tocante aos litixios xerados en Galiza
limitarase a resolver os recursos de casación por unificación de doutrina para os casos en que só se aplique Dereito estatal.
26. O TSXG asumirá en Galiza toda a competencia xurisdicional da actual Audiencia
Nacional, tanto nas ordes social ou contencioso-administrativa como na penal, sen desbotar a especialización en delitos de narcotráfico e outros moi concretos dos órganos xudiciais de Galiza.
27. Unha lei procesual penal garantirá que o TSXG resolva no eido penal non só recursos de casación, senón auténticos recursos de apelación revisores das sentenzas penais ditadas en primeira instancia, mesmo no atinxente aos feitos, como esixen os tratados internacionais de Dereitos Humanos vixentes. Neste sentido, o Poder Xudicial Galego garantirá en todos os casos o acceso á dupla instancia xudicial penal.
28. O Parlamento de Galiza elixe por maioría de tres quintas partes dos seus membros ao Fiscal-Xefe do TSXG, que será o cabezaleiro dos individuos do Ministerio Público
actuantes na Galiza, consonte aos principios de legalidade, xerarquía e unidade.
29. Correspóndelle ao Consello Xudicial de Galiza a convocatoria de probas selectivas para o ingreso na carreira xudicial, provendo o necesario para a súa substitución, concursos e ascensos, con pleno respecto aos principios de independencia e amobilidade.
30. Será mérito excluínte o dominio oral e escrito da lingua galega e mais o coñecemento
dos Dereitos público e civil propios de Galiza.
31. A provisión de xuíces de ingreso levarase adiante por medio de concurso-oposición. O 40 por cento das prazas, como mínimo, reservarase para xuristas de recoñecido prestixio con máis de oito anos de exercicio profesional.
Un terzo das prazas do TSXG cubrirase con xuristas da mesma cualidade cun mínimo de exercicio de quince anos.
O proceso rematará, en todo caso e de xeito obrigatorio, co curso que se sinale, a
desenvolver na Escola Xudicial Galega.
32. Estabelecerase unha organización propia do persoal de traballo das Oficinas Xudiciais, e crearanse dous únicos corpos: o Corpo de Xerentes de Oficina Xudicial, que integrará os actuais Secretarios, e o Corpo de Xestión Xudicial, que asumirá funcións análogas ás dos actuais Oficiais.
Na selección dos funcionarios será mérito excluínte o coñecemento avanzado da lingua
galega e das ferramentas ofimáticas e informáticas de uso cotián.
33. A
Xunta impulsará un Plan Especial de normalización lingüística a desenvolver en
todos os Tribunais colexiados, no TSXG, no Consello Xudicial de Galiza e nos Consellos Galegos de Procuradores e da Avogacía.
34. A Comunidade Autónoma contará, cando menos, cun maxistrado do Tribunal
Constitucional, proposto polo Parlamento de Galiza e daqueles que respondan á proporción da poboación galega respecto da do Estado.
35. A Comunidade Autónoma disporá de plena lexitimación activa para acudir a todos os Tribunais da UE e mais ao Tribunal Europeo dos Dereitos Humanos, tanto a xeito de actor como de demandado.
36. Os Consellos Galegos da Avogacía e de Procuradores substituirán os actuais Colexios Profesionais e serán dotados de amplas competencias, entre delas o pulo á normalización lingüística, a decisión sobre recoñecemento da xustiza gratuíta, o control e avaliación da calidade do servizo xudicial, o informe previo a calquera Proxecto de lei ou de regulamento que atinxa á Administración de xustiza, a elección dunha porcentaxe dos membros do Consello Xudicial de Galiza e a autorregulación do acceso ás profesións forenses.
37. Á futura Policía Autonómica e ás Policías locais atribuiráselles a plena condición e
función de policías xudiciais.
38. A Comunidade Autónoma asumirá no seu territorio a competencia sobre o sistema
penitenciario e promulgará, a xeito de desenvolvemento directo do Estatuto de Autonomía, unha Lei penitenciaria galega, baseada nos principios de tratamento progresivo, reinserción e seguridade das vítimas dos delitos.
39. Crearase un Instituto Galego de Medicina Forense.

BASE VII. As institucións da Comunidade Autónoma

1. Ademais do Parlamento de Galiza, da
Xunta e do seu Presidente, e do Poder Xudicial na Comunidade Autónoma, conforman o urdido institucional básico de Galiza: o Valedor do Pobo, o Tribunal de Contas de Galiza, o Consello Consultivo de Galiza, o Consello Económico, Ecolóxico e Social de Galiza, o Consello da Cultura Galega, o Fondo Cultural Galego e o Tribunal Galego de Defensa da Competencia. Intégranse tamén nela a Administración Electoral de Galiza e as entidades locais do seu territorio.
2. O Valedor do Pobo é o Alto Comisionado do Parlamento de Galiza para a defensa dos dereitos comprendidos no Título I da Constitución, neste Estatuto de Autonomía e,
directamente ou por extensión, noutras Declaracións, así coma do correcto funcionamento das administracións públicas do país.
Será elixido polo Parlamento de Galiza para un período de seis anos.
Unha lei de desenvolvemento estatutario básico estabelecerá o réxime do Valedor do Pobo, prevendo as figuras de dous Vicevaledores, e integrando asemade na súa organización e funcionamento os Valedores sectoriais previstos neste Estatuto.
3. O Tribunal de Contas de Galiza encárgase da fiscalización das contas, da xestión
económico-financeira e contábel e do axuizamento en materias desta natureza. Exercerá as súas funcións xurisdicionais e doutra caste en relación coa execución dos programas de ingresos e gastos do sector público da Comunidade Autónoma.
4. O Consello Consultivo de Galiza é a instancia superior consultiva da Comunidade
Autónoma, que ditaminará sobre a adecuación estatutaria dos proxectos e proposicións de lei e velará ademais pola observancia do resto do ordenamento xurídico en cantos asuntos se lle atribúan por lei de Galiza.
5. O Consello Económico, Ecolóxico e Social de Galiza é o ente institucional ao que lle
compete facer efectiva a participación dos axentes económicos e sociais na política
socioeconómica de Galiza, así como de asesorar a
Xunta en materia económica e social.
6. O Consello da Cultura Galega é a institución encargada de defender e promocionar os
valores culturais do pobo galego, así como asesorar neste eido os poderes da Comunidade Autónoma.
7. O Fondo Cultural Galego é o ente autonómico que cumpre a misión de servir de
instrumento de cohesión tanto no desenvolvemento das actividades culturais como na
dotación das infraestruturas desta natureza, co fin de favorecer en Galiza a cooperación
cultural entre distintas administracións, institucións e entidades de carácter público e
privado.
8. O Tribunal Galego de Defensa da Competencia é a institución encargada, con funcións resolutorias e consultivas, de garantir unha competencia suficiente no mercado galego, evitando os acordos, decisións e prácticas que puidesen impedila, restrinxila ou falseala.
9. Forman tamén parte do marco institucional da Comunidade Autónoma a Administración Eleitoral de Galiza, así como as entidades locais do seu territorio.

BASE VIII. A organización territorial de Galiza

1. Mercé á competencia exclusiva e excluínte que a Galiza lle corresponde sobre a súa
organización territorial e sobre o réxime dos seus entes locais, o novo Estatuto estabelecerá un modelo propio, “interiorizado” na Comunidade Autónoma, afastado do imposto carácter bifronte dos entes locais e da inútil superposición de figuras correspondentes a sistemas distintos, que sexa quen de conciliar as esixencias da nosa tradicional forma de asentamento convivencial coas dunha organización territorial e administrativa flexíbel, operativa e eficaz, propia dunha sociedade democrática moderna e en proceso de acelerada urbanización.
2. O novo esquema organizativo territorial deberá pivotar ao redor da estrutura estendida con éxito na Europa menos influída polo centralista modelo napoleónico: a comarca, a rexión urbana, o county, o kreis, ou calquera outra denominación que, en definitiva, aluda a unha realidade similar.
3. Sobre esta base, a configuración local arbitrarase en calquera caso sobre un dobre nivel: o concello, como entidade participativa e próxima da convivencia local, e a
“comarca/rexión urbana”, como entidade organizativa e prestadora de servizos públicos coa eficacia necesaria polas súas dimensións territorial e poboacional.
4. O número de concellos de Galiza reducirase de forma notoria, en atención á súa
viabilidade social, económica e funcional, mediante o impulso dunha decidida política de fusións actuada desde o consenso e o acordo democrático, coa finalidade de constituír entidades economicamente solventes, funcionais, dinámicas e ben xestionadas que permitan mellorar a prestación dos servizos e igualar a súa calidade en toda a Comunidade Autónoma.
A funcionalidade da parroquia rural limitarase aos concellos que teñan este inequívoco
carácter, e poderá, de forma potestativa, servir para estruturar internamente o término
municipal e o Concello, en canto órgano de goberno, e para xestionar concretos bens ou
servizos do seu ámbito.
5. A figura “comarca/rexión urbana” configurarase, por riba dos seus aspectos
tecnocráticos, como un ente político democrático, unha sorte de federación dos concellos do seu territorio que incrementará, de maneira simultánea, a eficiencia técnica e a participación política tan acaída ás entidades locais e á súa administración de inmediatez.
6. As novas “comarcas/rexións urbanas” poderán engarzarse, se for o caso, coa
Comunidade Autónoma como administración periférica dela, incrementando a desexábel descentralización, e aproveitando de maneira máis eficiente os recursos públicos.
7. A nova organización contemplará particularmente os espazos metropolitanos de A
Coruña-Ferrol e Vigo-Pontevedra, e dotaraos de institucións específicas.
8. O novo Estatuto precisará as bases para o tratamento da singularidade política e
administrativa de Santiago de Compostela como capital de Galiza, desde os criterios de
universalidade e centralidade.
9. O novo Estatuto plasmará os mecanismos precisos para que a implantación do novo
modelo territorial se realice desde o maior consenso político e cidadán.

BASE IX. Ordenación do territorio

1. O Poder galego garantirá unha axeitada ordenación do territorio que pule polo desenvolvemento social, económico e cultural e, ao tempo, coute ou mingüe os
desequilibrios territoriais. Para este efecto arbitrará os instrumentos de ordenación
oportunos axeitados á organización territorial.
2. O Poder galego atenderá non só as formas tradicionais de asentamento poboacional,
senón tamén e nomeadamente as súas novas formas, como as aglomeracións urbanas e mais as areas funcionais das cidades. Neste senso, regulamentará con distintos instrumentos xurídicos as distintas realidades dos territorios urbanos (espazos metropolitanos e áreas urbanas con forte desenvolvemento) e nidiamente rurais.
3. Aos espazos urbanos aplicaráselles a tipoloxía xurídico-administrativa da rexión urbana.
A rexión urbana gozará de autonomía urbanística para definir os novos asentamentos
residenciais e as dotacións supralocais. Terá competencias de ámbito rexional supralocal no eido das infraestruturas e medios de comunicación e transporte que garantan en calquera caso a intermodalidade, o fornecemento de auga, o tratamento de residuos sólidos urbanos e o desenvolvemento rexional da política ambiental e a potenciación do turismo. Sen prexuízo das súas competencias rexionais, recoñeceranse as competencias locais e de distritos e barrios para os asuntos do seu interese, conforme o principio de subsidiariedade.
4. Aos espazos rurais aplicaráselles a tipoloxía xurídico-administrativa da comarca, con
competencias regulamentadoras na ordenación do territorio, co obxectivo de preservar os valores naturais e paisaxísticos, promover o desenvolvemento sustentábel e vitalizar a súa demografía.
5. O Poder galego adoptará toda caste de medidas e estratexias conducentes á organización eficiente e racional do espazo territorial da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal, tanto nas súas áreas urbanas, como nas máis rurais e nos poboamentos rururbanos. Para esta finalidade adoptará os acordos e convenios oportunos coas institucións e autoridades portuguesas.

BASE X. Galiza e a Unión Europea

1. O novo Estatuto defende dentro do marco do Dereito europeo os valores de respecto á
diversidade cultural e lingüística e os principios de subsidiariedade, proporcionalidade e
cooperación leal.
2. Recoñeceráselle a Galiza a súa lexítima e efectiva participación, por canles directas ou indirectas, nos asuntos europeos co obxectivo de salvagardar e promocionar os seus
intereses.
3. Galiza terá voz e voto directos no Comité das Rexións e en calquera outra institución ou órgano de representación territorial da UE. Atribuiráselle status xurídico-público á Oficina de representación de Galiza en Bruxelas.
4. Remitiránselles directamente ás institucións da Unión Europea as disposicións e
resolucións da Comunidade Autónoma en materias da súa competencia.
5. Recoñeceráselle a Galiza a lexitimación activa privilexiada perante do Tribunal de
Xustiza para a preservación das súas competencias exclusivas.
6. O Parlamento de Galiza terá dereito a intervir (mediante os mecanismos previstos no
Dereito europeo, en particular, no Protocolo sobre a función dos parlamentos nacionais na Unión Europea e no Protocolo sobre a aplicación dos principios de subsidiariedade e
proporcionalidade) nas materias que afecten os intereses específicos da Comunidade
Autónoma. A
Xunta de Galiza poderá participar nas sesións do Consello de Ministros
cando trate materias da súa competencia e de especial trascendencia para a Comunidade
Autónoma. En calquera caso garantirase a participación de Galiza na formación da vontade estatal polos procedementos máis idóneos para o efecto.
7. Conforme o principio de subsidiariedade, Galiza poderá asinar convenios ou acordos con outras entidades (estatais ou subestatais) en materias da súa competencia. Nomeadamente, terá a capacidade específica de formalizar acordos transfronteirizos no marco da eurrorexión Galiza-Norte de Portugal.
8. A Comunidade Autónoma transporá directamente as Directivas europeas no ámbito das súas competencias.

Base XI. Galiza e a acción exterior

1. Xa que o exercicio pleno das competencias galegas esixe levar a cabo unha acción
pública exterior, e tendo en conta a presenza numerosa de comunidades galegas fóra do
territorio galego, o novo Estatuto lexitimará e recoñecerá a capacidade de Galiza para
actuar na escena internacional co obxectivo de promocionar e defender os seus intereses
políticos, económicos e culturais específicos. Por esta razón, convén a inclusión dunha
cláusula xeral favorábel ao recoñecemento da acción exterior galega, así como a creación dun servizo propio de acción exterior co status paradiplomático.
2. Recoñecerase a presenza de Galiza, directa ou formando parte da delegación estatal,
naqueles foros internacionais onde se vexan afectados os seus intereses e competencias.
3. Recoñeceráselle a Galiza a capacidade para celebrar acordos ou convenios con entidades, organizacións ou organismos (por exemplo, a UNESCO) para a promoción dos seus intereses que non impliquen funcións de soberanía.
4. Recoñeceráselles ás institucións galegas o dereito a seren informadas sobre tratados ou convenios susceptíbeis de afectar as súas competencias e intereses. Se se tratase de
competencias exclusivas, estabelecerase a obriga da presenza de representantes galegos na delegación estatal ou a institucionalización de mecanismos bilaterais Galiza-Estado.
5. Recoñeceráselle a Galiza, como criterio xeral, a potestade executiva (normativa e
administrativa) en relación cos acordos internacionais asinados polo Estado central cando afecten o seu ámbito competencial.
6. Crearase un Instituto que teña por obxecto a difusión e extensión da cultura galega no
exterior, así como a coordenación de actividades de centros xa existentes.

BASE XII. As competencias

1.- No marco do novo Estatuto corresponderalle á Comunidade Autónoma galega
competencia exclusiva, que se determinará en cada caso no seu preciso contido e alcance, cando menos sobre as seguintes materias:
- Organización e réxime das súas institucións de autogoberno e do persoal ao seu servizo.
- Fixación da planta, demarcación, sede e dotación de medios persoais e materiais dos
xulgados en Galiza; configuración do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza como
máxima instancia xudicial; potestade disciplinaria e gobernativa por medio dun Consello Xudicial de Galiza.
- Organización e réxime xurídico da Administración autonómica e do réxime estatutario
dos seu funcionariado; réxime dos gobernos e administracións locais de Galiza, como
competencia exclusiva e excluínte que permita o estabelecemento dun modelo territorial
propio adaptado ás peculiaridades de Galiza e á súa evolución futura; normas procesuais e procedementos administrativos que se deban aplicar polas administracións autonómica e locais galegas.
- Ordenación do territorio e do litoral, urbanismo, medio ambiente e vivenda.
- Defensa, conservación, restauración e promoción do patrimonio histórico, artístico,
monumental, arqueolóxico, científico e cultural de Galiza, así como dos parques naturais e espazos protexidos.
- Política cultural; xestión dos arquivos, das bibliotecas, dos museos, das hemerotecas e
doutros centros de cultura; regulamento dos diversos sectores da “industria cultural”.
- Conservación, modificación e desenvolvemento do Dereito Civil Galego, con inclusión da determinación do seu réxime de suxeición persoal; o ordenamento e xestión de todos os rexistros e instrumentos públicos civís no territorio de Galiza baixo a dependencia administrativa ou xudicial do Poder galego; o ordenamento das relacións xurídico-civís do Dereito de familia, incluídas as unións estábeis non matrimoniais; o Dereito da persoa e sucesorio e o Dereito patrimonial, respectando as bases das obrigas contractuais que lexisle o Estado.
- Promoción do uso da lingua galega no territorio da Comunidade Autónoma e no exterior, con especial atención aos medios audiovisuais de comunicación públicos e privados e o seu grao de compromiso no desenvolvemento da política lingüística.
- Seguridade pública; protección das persoas e dos bens e todas as funcións gobernativas e de seguridade que estabelezan as leis; o réxime da súa propia Polícía Autonómica, con competencias xerais e mesmo as de Policía Xudicial; coordinación das Policías Locais e regulación dos servizos de seguridade privada.
- Lexislación penitenciaria e xestión das institucións penitenciarias e de reinserción social en Galiza.
- Rexistros da Propiedade e Notariado.
- Corporacións de dereito público: confrarías de pescadores, colexios profesionais, cámaras de comercio, industria e navegación e outras equivalentes; fundacións de interese galego; entidades cooperativas.
- Ordenación da actividade económica e regulación do sector público económico galego.
- Regulación do crédito, banca e seguros, en especial, caixas de aforro, caixas rurais e
cooperativas de crédito con sede social en Galiza.
- Supervisión e control en Galiza do sistema financeiro e da actividade aseguradora por
medio dun ente propio ou da participación nos Consellos do Banco de España e da
Comisión Nacional do Mercado de Valores.
- Estatística para a Comunidade Autónoma.
- A asistencia social, a promoción do desenvolvemento comunitario e da igualdade de
xénero, a protección social e económica das familias, a inclusión social e laboral dos
inmigrantes e emigrantes retornados e a integración sociolaboral e protección da identidade
cultural das minorías étnicas; servizos sociais en xeral.
- Réxime mineiro e enerxético; recursos xeotérmicos; instalacións de produción,
distribución e transporte de enerxía.
- Agricultura, gandería, montes, aproveitamentos forestais, vías pecuarias e pastos; montes veciñais en mancomún.
- Aproveitamentos hidráulicos, canles e regadíos, augas minerais, termais e subterráneas.
Crearase e regularase a Confederación Hidrográfica do Miño como órgano de goberno e
xestión das augas desta conca fluvial.
- Pesca marítima e ordenación do sector pesqueiro; marisqueo e acuicultura; caza, pesca
fluvial e lacustre.
- Protección civil; asociacionismo e voluntariado social.
- Salvamento marítimo e vertidos industriais e contaminantes.
- Política industrial.
- Política integral de emprego: xestión das políticas activas e pasivas de emprego; fomento e xestión de emprego, formación continua e reciclaxe laboral así como formación ocupacional; prevención de riscos laborais; xestión do sistema de protección social por desemprego; desenvolvemento da lexislación do Estado en materia de Previsión e Seguridade Social; complemento ou ampliación autonómica das prestacións contributivas e non contributivas; xestión do sistema público de Seguridade Social sen prexuízo do mantemento dunha caixa única estatal; relacións laborais, mediación, arbitraxe e conciliación; inspección de Traballo e da Seguridade Social. Desenvolvemento lexislativo e execución da lexislación laboral básica.
- Telecomunicacións: dirección e control das comunicacións electrónicas; titularidade dos dominios e espazos públicos de telecomunicación; sinatura, certificación e demais sistemas de identificación de carácter electrónico; protección de datos de carácter persoal, con asunción das funcións da actual Axencia Estatal de Protección de datos; impulso e promoción da Sociedade da Información e do Coñecemento con garantía de acceso dos cidadáns ás novas tecnoloxías; dominio territorial de internet propio e específico de Galiza.
- Espazo audiovisual: regulación do dominio público radioeléctrico e do seu uso para a
prestación de servizos de Radio e Televisión de Galiza; configuración do Consello do
Audiovisual Galego como organismo independente.
- Educación: fixación dun modelo educativo axeitado á condición nacional de Galiza;
garantía de acceso e regulación do mesmo en todos os seus niveis, incluídos os organismos públicos de investigación; formación profesional.
- Investigación científica e técnica: elaboración periódica de Plans de Política Científica e de Innovación, nun sistema público de I+D+i.
- Sanidade interior e exterior; regulación das relacións laborais dos traballadores da
sanidade galega; catálogo de prestacións, financiamento dos fármacos e marco regulatorio da actividade comercial e distribuidora da industria farmacéutica.
- Comercio interior e exterior; defensa da competencia; planificación de grandes
instalacións comerciais; horarios; feiras e mercados; denominacións de orixe. Protección de consumidores e usuarios; hixiene e control alimentario; publicidade.
- Os bens de dominio público de titularidade autonómica e os bens patrimoniais.
- Obras públicas no territorio da Comunidade Autónoma.
- Estradas e vías férreas que circulen polo territorio da Comunidade Autónoma.
- Portos, aeroportos e heliportos comerciais; portos de refuxio.
- Transportes terrestres, por camiños de ferro, marítimos, fluviais e por cabo; centros de
contratación e terminais de carga en materia de transporte.
- Servizo meteorolóxico.
- Tráfico e circulación de vehículos a motor; seguridade e educación vial.
- Promoción e ordenación do turismo, interior e exterior; xestión dos Paradores Nacionais na Comunidade Autónoma; regulación e fomento da artesanía.
- Cinematografía, artes escénicas, deporte, espectáculos e utilización do lecer; federacións deportivas; promoción de seleccións nacionais deportivas de Galiza e da súa participación en competicións españolas, europeas e internacionais.
- Casinos, xogos e apostas; lotarías.
- Política de inmigración.
- As restantes materias que non fosen expresamente asumidas ou reservadas ao Estado.
2. No ámbito das súas competencias exclusivas, as normas xurídicas constitutivas do
Dereito propio de Galiza determinarán a lexislación que resulte de aplicación supletoria.
Neste concreto ámbito o Dereito galego prevalecerá, en caso de conflito, con respecto ao Dereito estatal.
No resto das competencias autonómicas, a cláusula de supletoriedade do dereito do Estado non constitúe título competencial en por si, de xeito que a súa aplicabilidade á Comunidade Autónoma só será lexítima alí onde o Estado dispoña de título competencial específico.
Na determinación das fontes do Dereito civil o Estado respectará as normas do Dereito civil de Galiza.
3. A respecto das competencias de Galiza, as leis básicas estatais actuarán unicamente
como límite externo da competencia, sen dirixir ou orientar o ámbito e exercicio das
normas autonómicas, en razón do seu carácter de normas de complemento, non de
desenvolvemento da lexislación estatal.
4. A lexislación sectorial galega determinará o mínimo competencial que lle corresponderá á Comunidade Autónoma nas materias que constitucionalmente asuma o Estado como exclusivas, incluso as que correspondan co ámbito das leis orgánicas.
5. En calquera sector da actividade pública presumirase que as competencias de execución lle corresponden á Comunidade Autónoma de Galiza, agás que se conteña unha reserva expresa a favor do Estado.

 

BASE XIII. A actividade económica e o desenvolvemento sustentábel

1. A estrutura produtiva galega, logo do proceso de transformación experimentado nos
últimos anos, é abondo diversificada e amosa un forte dinamismo nos sectores industriais e
de servizos, malia presentar certas feblezas, coma o baixo dinamismo demográfico, a
deslocalización de determinadas actividades ou o insuficiente crecemento económico en
comparanza coas medias estatais e da UE.
2. A capacidade económico-financeira endóxena de Galiza é abonda para un crecemento
sustentábel. Os niveis de formación do capital humano galego son os máis sobranceiros da
súa historia, e son quen de fornecer as demandas empresariais e de xerar un significativo
incremento da produtividade.
3. A actividade económica galega insírese no marco da economía social de mercado e ten
como referente esencial o Estado do Benestar. Tenderá á innovación e á competitividade
empresariais e tentará acadar unha xeración de emprego e renda que alicerce unha
sociedade onde todos os seus habitantes gocen dunha digna calidade de vida.
4. O medre da actividade económica galega deberá ser compatíbel co desenvolvemento
sustentábel do país, de xeito que resolva as necesidades vitais derivadas do benestar
económico das xeracións presentes sen comprometer as posibilidades das xeracións futuras
de resolveren as súas.
5. A política ambiental de Galiza basearase nas directrices da UE, adaptándoas no exercicio
do seu autogoberno para axeitar a velocidade, modo e intensidade da súa aplicación ás
necesidades concretas do noso país. A política ambiental será solidaria dos compromisos
europeos e internacionais con respecto á redución, reutilización e reciclaxe de lixo, á
protección do ambiente natural, á defensa da biodiversidade e á evitación do cambio
climático.
6. A actividade económica será compatíbel cun modelo de desenvolvemento que promova
o avance da suficiencia alimentaria e enerxética.
7. Crearase o Valedor da Terra e das Xeracións Futuras como alto comisario do Parlamento
de Galiza para a defensa da biodiversidade, da sustentabilidade ecolóxica e da vida e morte
en dignidade dos seres vivos humanos e non-humanos habitantes da Galiza. Este Valedor
supervisará a actuación de todas as administracións públicas no que atinxe as devanditas
cuestións, e daralle conta periódica ao Parlamento. Unha lei regulará a maioría cualificada
precisa para a súa elección e demais requirimentos dela e mais o réxime xurídico e a
organización do devandito cargo e da súa Oficina.
8. O Consello Económico e Social mudará o seu nome polo de Consello Económico,
Ecolóxico e Social, na vontade de constituír a ferramenta de participación e deseño vinculante dun modelo de desenvolvemento económico e humano da Galiza baseado na
sustentabilidade ecolóxica, a xustiza social e o equilibrio territorial.
9. A política agraria galega fomentará, co emprego de toda caste de recursos públicos, foren propios, estatais ou da UE, a agricultura e a gandería ecolóxicas, a diversificación das actividades agrarias, a mellora da calidade dos nosos produtos agrogandeiros e mais a obtención de novos produtos que abran novos mercados. Ao mesmo tempo, atenderá a
conservación da paisaxe tradicional e da biodiversidade, a correcta xestión e posta en valor dos residuos da actividade agraria e a redución progresiva dos pesticidas e das emisións
procedentes da actividade agrogandeira.
10. A política forestal galega fará un uso sustentábel dos bosques, atendendo a súa saúde e multifuncionalidade e evitando os monocultivos.
11. A política pesqueira galega atenderá a conservación da biodiversidade e dos
ecosistemas mariños, protexéndoos da contaminación, evitando a sobreexplotación das
especies, desenvolvendo de vez todos os instrumentos reguladores e diversificando as
actividades da nosa flota pesqueira. As Rías, pola súa riqueza e potencialidade económica,
serán declaradas espazo de especial protección e constituirán un ben de dominio público. O
Poder galego fomentará especialmente o desenvolvemento e optimización tecnolóxica da
acuicultura ecolóxica.
12. A política industrial galega orientará as empresas cara á necesidade e rendibilidade de
priorizar a variábel ambiental nos procesos produtivos e orientará os consumidores e
usuarios cara ao valor intrínseco dos produtos elaborados de xeito ecolóxico.
13. A política enerxética galega basearase no consumo responsábel e na sustentabilidade
ecolóxica, na xustiza social e no equilibrio territorial. Procurará a suficiencia enerxética da
Galiza baseada nas fontes de enerxía renovábeis, a coxeneración e o paso dos derivados do
carbón e petróleo aos do gas natural e biocombustíbeis, no marco do respecto á lexislación
e directrices da UE e os tratados internacionais, nomeadamente o Protocolo de Quioto.
14. A política galega de transportes incrementará os transportes ferroviario e público e
potenciará os sistemas de transporte intermodal desde os portos e aeroportos.
15. O turismo en relación co desenvolvemento sustentábel constituirá un sector estratéxico
das políticas económicas sectoriais do Goberno de Galiza. A política turística galega mirará
polo desenvolvemento cualitativo e cuantitativo do sector sobre os alicerces do respecto ao
ambiente natural e á paisaxe, a non masificación e a diversificación da oferta turística.
Atenderase especialmente a difusión e o coñecemento dos Camiños de Santiago, dos nosos
parques e espazos naturais, dos nosos recursos paisaxísticos e do noso patrimonio
monumental, histórico e arqueolóxico.
16. A acción política do Goberno galego orientarase ao crecemento da nova economía
vencellada ao desenvolvemento do coñecemento e das novas tecnoloxías, sen prexuízo de
procurar un crecemento económico sostido e ecoloxicamente sustentábel. Esta acción
política tentará desenvolver novas empresas de alta tecnoloxía a partir do coñecemento
xerado polo sistema público de I+D+i e, en xeral, acadar unha diversificación rendíbel das
actividades económicas.
17. A pequena e mediana empresa será obxecto dunha especial atención no que atinxe o
fomento do emprego das novas tecnoloxías, e tamén das novas tecnoloxías da información
e comunicación.
18. O Poder galego fomentará de xeito especial a industria de creación, edición e
distribución cultural, musical e audiovisual, e procurará a mellor e continua formación dos
seus recursos humanos, a calidade comparativa dos seus produtos e o dimensionamento
competitivo das empresas do sector.
19. A planificación territorial e urbana tentará compatibilizar o desenvolvemento da
actividade económica coa satisfacción das necesidades de vivenda e calidade de vida da
poboación no marco dun desenvolvemento sustentábel. O Poder galego adoptará, canda as
autoridades portuguesas e a UE, as medidas lexislativas e administrativas precisas para
garantir un desenvolvemento sustentábel distribuído de xeito harmónico no conxunto do
territorio da eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.

BASE XIV. O financiamento público do Poder galego. O sistema fiscal e a Facenda galega.
1. A Facenda pública galega garantirá a suficiencia dos ingresos públicos necesarios para
financiar a totalidade do gasto público, no marco da convivencia plurinacional do Estado. O
modelo de financiamento galego basearase na autonomía financeira e na responsabilidade
fiscal plena, sen prexuízo do mantemento e mesmo da potenciación dos necesarios
mecanismos e fondos de redistribución tanto no ámbito estatal como no da UE. A
regulamentación destes fondos e instrumentos destinará integramente e exclusivamente os
seus recursos a prol das xurisdicións fiscais con menores niveis de renda e
desenvolvemento, sen prexuízo de lles poder esixir un grao de esforzo fiscal equivalente.
En calquera caso, a xestión dos fondos da UE que cumpran esta finalidade será
competencia do Poder galego.
2. A autonomía fiscal do Poder galego será total respecto da súa xurisdición territorial e/ou
persoal, con plenas capacidades normativa e de exacción, de recadación, de xestión, de
liquidación e de inspección de todos os tributos, propios ou cedidos, sen prexuízo do
respecto ás obrigas contidas nos tratados internacionais e baixo a restrición do mantemento
dun sistema estatal harmonizado e necesariamente progresivo. Garantirase, en calquera
caso, a total territorialización dos tributos.
3. O sistema fiscal basearase nos principios de equidade e progresividade para o efecto de
contribuír á superación das desigualdades económicas.
4. Como concreción dos devanditos principios de autonomía e redistribución, os recursos
financeiros do Poder galego comporanse, ademais do endebedamento, da totalidade dos
tributos exaccionados en Galiza e de dúas ferramentas redistributivas distintas: as
subvencións incondicionadas doutras facendas territoriais que gocen dun maior grao de
suficiencia financeira e mais as subvencións finalistas dos fondos estatais e da UE que
teñan por causa ou obxectivo a cohesión ou o desenvolvemento territorial.
5. No exercicio da súa capacidade normativa o Poder galego creará unha administración
tributaria de seu. Garantirase a coordenación entre a Administración Tributaria galega e o
resto de administracións tributarias, sen prexuízo do respecto á lexislación sobre protección
de datos persoais.
6. A Facenda galega deseñará mecanismos institucionais e desenvolverá políticas axeitadas
para acadar que a actividade económica sexa compatíbel cunha calidade ambiental
aceptábel e duradoira. Deste xeito, incentivará e penalizará, alternativamente, as empresas
por xerar menor ou maior contaminación e polo uso e estrago de recursos, nomeadamente
materias primas. Ao mesmo tempo penalizará fiscalmente as emisións de CO2 de orixe
enerxética.
7. A Facenda galega incentivará os investimentos das empresas privadas e, nomeadamente,
do sistema financeiro, no desenvolvemento de iniciativas de alta tecnoloxía e do subsector
de servizos avanzados, incidir dun xeito especial naquelas accións que traballen a prol da
modernización, competitividade e reorientación dos sectores tradicionais da economía
galega.

BASE XV. O dereito universal á prestación sanitaria e a
sanidade galega

1. Toda a poboación galega ten dereito a unha asistencia sanitaria prestada con criterios de
equilibrio e equidade ao longo de todo o territorio, e garantirase unha distribución racional
dos recursos entre as distintas áreas territoriais. Este dereito abranxe tamén os cidadáns e
cidadás galegas no exterior, para o que o Poder galego asinará os oportunos convenios e
tratados coas institucións políticas dos estados e países da súa residencia.
2. O servizo público sanitario constituirá os alicerces do sistema sanitario galego, e
recoñeceráselles aos centros sanitarios privados un papel complementario do servizo
público na medida en que as necesidades asistenciais o xustifiquen. Porén, recoñéceselles
aos profesionais sanitarios o dereito ao exercicio privado da súa profesión e á iniciativa
privada o dereito á creación de empresas que teñan por obxectivo a prestación de servizos
sanitarios. Os profesionais e empresas privadas sanitarias estarán sometidos ao réxime de
autorización e inscrición previas nun rexistro administrativo especial.
3. Por lei aprobarase un Plan de Saúde onde se fixarán os compromisos prioritarios do
sistema, o catálogo de prestacións dos servizos preventivos, diagnósticos, terapéuticos,
rehabilitadores e de promoción da saúde e mais os criterios de avaliación da calidade
asistencial e do cumprimento dos obxectivos do sistema. Na elaboración do Plan serán
consultados os axentes sociais e administracións locais, e garantirase dese xeito o dereito a
unha información pública veraz en relación coas listas de agarda e coa calidade dos
servizos en cada área territorial ou comarca.
4. A Facenda galega garantirá o financiamento abondo, racional e sustentábel do sistema
sanitario galego con cargo aos ingresos fiscais previstos no Orzamento Xeral.
5. O Parlamento de Galiza fixará anualmente os tempos máximos de agarda cirúrxica,
diagnóstica e terapéutica para cada doenza ou prestación.
6. A poboación que sufra de doenzas crónicas ou padeza discapacidades ten dereito a unha
atención socio-sanitaria de calidade, que deberá prestar o sistema sanitario en coordinación
cos servizos sociais, nomeadamente sociosanitarios, e de saúde laboral.
7. A poboación galega ten dereito á libre elección de médico, servizo e centro nos termos
que unha lei estabeleza e mais o dereito a unha segunda opinión facultativa.
8. A poboación galega ten dereito a que lle sexa respectada a súa dignidade e autonomía
persoais no desenvolvemento da atención sanitaria, e deberá expresar, logo de recibir
información suficiente, por medio dun consentimento informado, a súa conformidade cos
procedementos cirúrxicos e terapéuticos.
9. Crearase o Valedor do Doente como Alto Comisionado do Parlamento para a protección
dos dereitos sanitarios da cidadanía galega e da poboación da Galiza.
10. A política galega de xestión do persoal sanitario basearase na coxestión compartida, no
fomento da asunción de responsabilidades, na promoción profesional, na garantía da súa
formación continuada científico-técnica, legal, ética, social e económica. Esta formación
continua influirá especificamente na promoción profesional dos profesionais sanitarios.
BASE XVI. O ensino, a investigación e a sociedade da
comunicación
1. A educación é un servizo público esencial e, como tal, o Poder galego fará dela unha das
súas prioridades esenciais co obxectivo de construírmos un país libre, xusto,
autoconsciente, equilibrado, territorialmente integrado e aberto.
2. A Administración educativa galega basearase na participación de todos os sectores
atinxidos e na eficacia e eficiencia sociais. As leis de Galiza garantirán esta participación
fixando as competencias de ditame, proposta e execución dos distintos consellos
institucionais de participación sectorial.
3. O servizo público da educación constituirá unha eficaz ferramenta de normalización
cultural e lingüística e de comunicación entre a Galiza territorial e a Galiza exterior, sen
prexuízo da interpretación desde Galiza dos fenómenos de globalización e universalización
e da presenza cultural e educativa galegas nos ámbitos internacionais. O galego será lingua
vehicular de uso preferente no ensino non universitario e o seu uso será obrigatorio nas
garderías e centros de ensino infantil.
4. A educación atenderá de xeito moi especial a alfabetización dixital de nenos e adultos,
preparándoos para a utilización xeneralizada das novas tecnoloxías e para a reflexión crítica
sobre a trascendencia social das Tecnoloxías da Información e da Comunicación. O sistema
educativo empregará decote e coa maior intensidade posíbel as novas tecnoloxías da
información e da comunicación.
5. O Poder galego regulará o financiamento dos centros privados de ensino non
universitario concertados garantindo o cumprimento dos principios básicos do sistema
educativo público, entre eles a participación na xestión dos centros dos pais, profesores e,
se for o caso, alumnos, e mais a coeducación.
6. Unha lei de desenvolvemento básico estatutario regulará o sistema universitario da
Galiza, e recoñeceralles a autonomía ás universidades públicas galegas, sen prexuízo do
control público da súa calidade e da súa competencia, nomeadamente no eido da
investigación e para evitar a duplicidade ou territorialización das súas infraestruturas por
medio dunha concepción global galega que racionalice o gasto e os investimentos, integre
equipos de investigación e priorice o destino dos recursos humanos e financeiros. Ao
mesmo tempo integrará o sistema educativo galego no Espazo Europeo de Educación
Superior, no que atinxe as titulacións e organización académica e facilitará a interrelación
do sistema universitario galego co portugués e coa Galiza exterior.
Unha lei galega disporá o preciso para a articulación no sistema universitario galego das
universidades privadas que se estabelezan na Comunidade Autónoma.
7. A lexislación de desenvolvemento estatutario básico definirá, distinguíndoas
axeitadamente, as carreiras universitarias docente e investigadora. Ao mesmo tempo fixará
a tripla misión das universidades galegas: docente, investigadora e de compromiso co
desenvolvemento socioeconómico e coa mellora da competitividade empresarial por medio
da modernización do seu sistema de transferencia do coñecemento.
8. Crearase por lei un Alto Comisionado das Universidades e da Investigación, que
vencellará os obxectivos docentes e os de investigación, desenvolvemento e innovación do
sistema educativo galegos, e mais unha Axencia de Avaliación do Sistema Universitario
Galego que controle o cumprimento de obxectivos e a correcta priorización e investimento
dos recursos.
9. A política científica galega basearase na consideración do coñecemento como eixo dos
futuros procesos de desenvolvemento económico, dende a complementariedade entre
coñecemento, libre concorrencia e desenvolvemento económico sustentábel. Vectores
esenciais desta política científica serán o incentivo da participación do sector empresarial
privado nos procesos de innovación e desenvolvemento das novas tecnoloxías, a regulación
do retorno económico a prol das institucións investigadoras públicas que xeren
coñecemento para o desenvolvemento económico innovador, e o fomento do
desenvolvemento económico do sector empersarial privado por medio da utilización dos
recursos tecnolóxicos.
10. Unha lei regulará a carreira investigadora, facilitando a incorporación e estabilidade dos
xoves investigadores tanto no sistema público de I+D+i coma no sector privado e
promovendo a mobilidade entre ambos os dous ámbitos. Ademais regulará os Centros de
Investigación de referencia como centros de interese estratéxico para Galiza, sobre a base
da estabilidade orzamentaria e da acumulación de masa crítica investigadora e vertebrará
unha Rede de Innovación de Galicia como espazo integrado entre o sistema público de
I+D+i e o conxunto de axentes e infraestruturas tecnolóxicas privadas de Galiza.
10. Por lei aprobarase un Plan Estratéxico para o desenvolvemento da Sociedade da
Información e o Coñecemento, para potenciar as infraestruturas da comunicación en todo o
país, singularmente a banda larga, para servir de canle para a difusión da lingua galega no
exterior, nomeadamente cara ás comunidades da Galiza exterior e para mellorar os servizos
da información e comunicación das administracións galega e locais. Estes obxectivos
servirán aos fins de garantir o maior achegamento entre administracións e cidadáns, superar
a incomunicación exterior e o carácter periférico da Galiza, mellorar a pluralidade
informativa e garantir o dereito de toda a poboación da Galiza a acceder en igualdade de
condicións a todos os servizos da Sociedade da Información e do Coñecemento.
BASE XVII. A lingua, a identidade galega, a promoción da
cultura, a industria cultural, os medios de comunicación
audiovisual públicos e o espazo audiovisual galego
1. A política lingüística orientarase á difusión do coñecemento activo e pasivo e ao uso da
lingua galega entre toda a poboación, de xeito especial nos ámbitos da administración de
Xustiza, da Igrexa, das empresas e da creación e difusión publicitaria, así como nos medios
de comunicación privados, especialmente nos audiovisuais e dixitais.
2. A Carta dos Dereitos Lingüísticos da Cidadanía galega aprobarase por unha lei de
desenvolvemento estatutario básico que garantirá a efectividade plena do dereito a
desenvolver en galego, quen o desexe, todas as actividades da súa vida cotiá.
3. Unha lei do Parlamento de Galiza aprobará o Plan Xeral de Normalización da Lingua
Galega, que conterá os obxectivos e medios normalizadores no espazo temporal da súa
vixencia, sen prexuízo da aprobación de posteriores plans por medio de cadansúa lei.
4. Nos procesos de adxudicación de emisoras de radio e televisión privadas e outros medios
audiovisuais, sexan analóxicos ou dixitais, será obrigatorio o uso preferente da lingua
galega e a contratación e promoción da creación musical e audiovisual galegas.
5. A Compañía de Radiotelevisión de Galiza (CR
TVG) ten por obxecto fundamental a
normalización lingüística, o servizo público dunha información plural e veraz sobre asuntos
de interese xeral, servir de canle á expresión do pluralismo político, social e cidadán en
condicións de igualdade e proporcionalidade e mais a promoción interior e exterior da
cultura galega. Xa que logo, usará exclusivamente a lingua galega e servirá de promoción
da industria cultural galega, nomeadamente da industria musical e audiovisual.
6. O Poder galego fomentará a creación, mantemento e desenvolvemento dun espazo
audiovisual galego. As políticas públicas de fomento e subvención da produción e difusión
audiovisual en Galiza basearanse conxuntamente no respecto aos principios e valores
democráticos, na difusión da nosa identidade e cosmovisión, na promoción da lingua e
cultura galegas e na esixencia duns niveis mínimos de calidade comparativa.
7. O Poder galego regulará o Consello Galego do Audiovisual como organismo
independente encargado de rexer a actividade do sector audiovisual e definir as súas
políticas e estratexias. Terá, ao mesmo tempo, facultades de control sobre os medios
públicos de comunicación da Comunidade Autónoma e sobre a súa política de fomento da
produción e da distribución audiovisual. Proporá o Director Xeral da CR
TVG, que terá que
ser ratificado por maioría dos dous terzos do Parlamento de Galicia.
8. O Consello de Administración da CR
TVG comporase de conselleiros elixidos polo
Parlamento, e garantirase que unha parte deles sexan profesionais do dereito, da economía,
da cultura ou da información independentes politicamente.
9. A Facenda galega incentivará o investimento do capital privado nas industrias de
creación, edición e distribución de producións culturais, musicais e audiovisuais.
10. O Poder galego inspirará as súas políticas xerais e sectoriais no ser e na realidade
cultural galegas, desde a convivencia democrática entre a identidade e as liberdades
individuais e dos distintos grupos sociais e a identidade nacional galega.
11. Constitúen valores culturais galegos básicos a lingua, a música e os costumes, as súas
institucións e modos de organización, as formas de relación social e mais a consciencia e
ordenamento da memoria histórica, tanto nas súas manifestacións materiais coma
inmateriais. O Poder galego promoverá unha política cultural activa e mobilizadora que
permita conservar, afortalar e evolucionar cara ao futuro estes valores, nomeadamente no
seo das novas xeracións, espazos, linguaxes e tecnoloxías. A política cultural galega
desenvolverase tanto no territorio galego como cara á súa cidadanía independentemente da
soberanía do seu estado ou país de residencia e servirá de instrumento para a ampliación
dos dereitos culturais e políticos dos galegos do exterior.
12. A política cultural galega manterá e ofreceralle á cidadanía o patrimonio cultural que
nos identifica como galegos, potenciando e coordinando a oferta de bibliotecas, museos e
centros de documentación. Reforzaranse as funcións do Consello da Cultura Galega, sen
prexuízo da súa independencia e autonomía e crearase, por medio dunha lei de
desenvolvemento estatutario básico, o Fondo Cultural Galego.
13. O patrimonio cultural galego, entendido como a conxunción do patrimonio histórico,
artístico, arqueolóxico, informativo, científico, humanístico, ambiental e paisaxístico,
considérase polo Poder galego un ben social obxecto de especial protección e un activo
valuábel economicamente, por medio da promoción turística das nosas Rías, espazos e
parques naturais, Camiños de Santiago e zonas históricas de vilas e cidades, ou a posta en
valor dos nosos produtos ecolóxicos ou da marca ‘Galiza’.

Galiza, 16 de febreiro de 2005.

Redactores:
Agra, María Xosé
Alcalá Navarro, Xavier
Alonso Villaverde, Francisco
Álvarez Ropero, Guillermo
Ballesteros,
Alexandre
Barreiro Rivas, Xosé Luís
Bouza Santiago, Ana Luisa
Bragado Rodríguez, Manuel
Cancela Outeda, Celso
Castro, Rosa
Constenla Acasuso, Francisco
Del Álamo Alonso, Alberto
Devesa, Ramón Manuel
Doval Conde, Xosé Luís
Espiñeira, Manuel
Fernández Roxo, Xosé Antón
Ferreira Fernández, Xabier
Fernández Freixanes, Víctor
Fernández Paz, Agustín
Fortes Bouzán, Xosé
García Mata, Andrés
González Beramendi, Xusto
González Mariñas, Pablo
González Avión, Santiago
Iglesias, Ignacio
Ledo Andión, Margarita
Liaño, María
Lois González, Rubén
López García, Xosé
López Mira, Álvaro
López Álvarez, Xosé Luís
Lorenzo Suárez, Anxo
Maceiras, Flor
Martín García, Manuel
Martínez Barreiro, Manuel Carlos
Martínez Cobas, Xabier
Mato de la Iglesia, Salustiano
Mourelos Vázquez, Antonio
Nogueira Moure, Emilio
Otero Cepeda, Encarna
Pérez-Lema, Xoán Antón
Pérez Rúa, Manuel
Pereira Fariña, Xosé
Pino Vicente, Daniel
Pousa Estévez, Xosé Ramón
Rivera Torres, Mabel
Senra, Lidia
Sierra Rodríguez, Xosé Carlos
Simón Fernández, Xabier
Soto Castiñeira, Manuel
Souto González, Marta
Vaamonde García, Pablo
Vázquez Rodríguez, María Xosé
Vega Gómez, Xosé Manuel
Veras Castro, Ramón
Villares Paz, Ramón
Ximénez Martínez, Xosé Luís

Corrección lingüística:
Xabier Cid e Manuel M. Barreiro

¡Opina no Foro!

 


  << Volver a los Contenidos


Links recomendados: Hander Klander Novela
  Links recomendados

· Patrocinados ·


 ¿Qué son los Distritos?     Recomienda este Distrito    Este Distrito como página de inicio
Mapa del Distrito     Añadir a tus favoritos     Crea tu Distrito     Valora el Distrito